25/04/21

XELA ARIAS CASTAÑO - LETRAS GALEGAS 2021

 


BREVE BIOGRAFÍA

Xela Arias Castaño veu ao mundo no ano 1962 en Lugo, embora pasase a maior parte da súa vida en Vigo, cidade en que realizou os estudos de Filoloxía Hispánica e onde morreu o 2 de novembro de 2003.

Vinculada a Xerais desde o nacemento da editorial en 1979, estreouse no mundo literario con Denuncia do equilibrio (1986), poemario innovador co que foi finalista do Premio Losada Diéguez.

En 1990 publicou, en colaboración co seu marido e fotógrafo Xulio Gil, Tigres coma cabalos, obra de grande repercusión en que se mesturan poemas e espidos da autora. O libro trasmítenos unha mensaxe a prol da sinceridade e da procura dos sentimentos máis básicos. En Darío a diario (1996) a poeta ofrece unha reflexión sobre a súa propia experiencia maternal. O seu derradeiro poemario, Intempériome, foi editado o mesmo ano da súa desaparición por Miguel Anxo Fernán Vello.

A súa obra poética tamén se deu a coñecer en libros colectivos como Palabra de muller (1992) ou Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de once escritoras galegas.

Alén da súa tarefa poética, Xela Arias dedicouse á tradución para a nosa lingua de diversos autores como Joyce, Fehnimore Cooper e Fernández Flórez. Escribiu varios relatos, algúns deles incluídos na obra Contos eróticos/elas (1990).

Foi finalista do Premio Esquío de Poesía (1986) con Lili sen pistolas, obra que aínda permanece inédita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario