29/04/23

Francisco Fernández del Riego, Letras Galegas 2023

 FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO


Francisco Fernández del Riego nace en Vilanova de Lourenzá (Lugo) o 7 de xaneiro de 1913. É o primeiro dos 11 fillos e fillas dunha familia de comerciantes.

Empeza os estudos na escola unitaria de Vilanova, prepara o bacharelato cos frades do mosteiro para examinarse por libre en Lugo (canda Cunqueiro) e despois ingresa no Colexio dos Escolapios, en Monforte de Lemos. Devorador de libros desde a infancia, xa entón empeza a publicar os primeiros escritos na revista escolar e no semanario Vallibria.

En 1930 marcha a Madrid e matricúlase en Dereito. Alí frecuenta bibliotecas, teatros e faladoiros, participa nas asembleas da Federación Universitaria Escolar (FUE) e abraza a causa do galeguismo. A lectura da Teoría do nacionalismo galego de Risco marcará a súa posición política. No verán de 1931, celebra en Lourenzá o Día de Galicia pronunciando un discurso e izando a bandeira galega no balcón do concello.

Ao ano seguinte, a familia trasládase a Compostela, onde el remata Dereito e inicia Filosofía e Letras. Nesa época defende a galeguización da Universidade, entra no Seminario de Estudos Galegos e colabora en NósA Nosa Terra e noutros xornais e revistas. Ingresa no Partido Galeguista e participa en mitins por toda Galicia, na constitución de Galeuzca e na campaña a prol do Estatuto de autonomía.

En 1934 empeza a dar clases na facultade de Dereito, mais co inicio da Guerra Civil inhabilítano para exercer. Tras un tempo agachado, incorpórase ao exército para salvar a vida.

Ao rematar a guerra, aséntase en Vigo, onde empeza a traballar no bufete de Valentín Paz-Andrade. Encárgase da revista Industrias Pesqueras e dá clases de forma extraoficial nos colexios Mezquita e Labor. En 1940, casa con Evelina Hervella.

En 1942, con Enrique Peinador e Gómez Román, tenta reorganizar o Partido Galeguista na clandestinidade, pero a detención de Ramón Piñeiro en 1946 supón un parón para as súas pretensións políticas e céntrase en actividades culturais. O réxime franquista fai que vaia preso en dúas ocasións, en 1947 e en 1954.

En 1949 publica Cos ollos do noso esprito na capital arxentina, comeza a exercer como correspondente do Centro Galego de Buenos Aires, coordina a maioría dos programas semanais en galego da BBC de Londres e colabora co xornal La Noche. Con Illa Couto pon en marcha o seu suplemento cultural, prohibido pouco despois pola censura.

En 1950 participa de forma decisiva na fundación de Galaxia e faise imprescindible desde aquela no funcionamento da editorial, comprometida coa restauración cultural da posguerra.

En 1960, ingresa na Real Academia Galega; el será un dos promotores da instauración do Día das Letras Galegas —que se empeza a celebrar en 1963—. Ese mesmo ano comeza a dirixir, con Ramón Piñeiro, a revista Grial; desempeña tamén un papel fundamental na creación da Biblioteca Penzol, que recolle o legado do sobranceiro galeguista que lle dá nome, e participa na fundación na clandestinidade do Partido Socialista Galego.

Non hai unha iniciativa cultural da época en que non apareza o seu nome. Aínda así, dálle tempo a escribir: desde os anos trinta publica ensaios de temas culturais, manuais de historia da literatura galega, escolmas de poesía galega, antoloxías da literatura universal, un dicionario de escritores en lingua galega, un vocabulario castelán-galego, libros de viaxes e de memorias, epistolarios, varios relatos curtos e unha novela, alén de constantes colaboracións na prensa.

En 1997 é nomeado presidente da Real Academia Galega, cargo que desenvolverá ata 2001, e nese período consegue que se abra aos investigadores e se achegue á sociedade.

Dóalle á cidade de Vigo a súa biblioteca e a súa colección artística, custodiada desde entón na Casa Galega da Cultura, a sede da Fundación Penzol, da que é director e onde traballa acotío na última etapa da súa vida.

Na Cidade Olívica fina en 2010, con 97 anos de idade. En 2022, a Real Academia Galega acorda dedicarlle o Día das Letras Galegas 2023, un máis dos merecidos recoñecementos para alguén que traballou incansablemente polo noso país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario